ENTRO NA cidade na que os que te rodean comezan a se lanzar á aventura de ser pais. Cada vez son máis os amigos/as que deciden pasar por esa intensa experiencia.

Son os nenos e nenas destes tempos modernos . E podo observar neles a aplicación dunhas novas ideas a respecto da educación dos fillos, unha nova onda que cada vez calla máis nas cabezas dos pais e nais mozos de hoxe en día, como se tivesen asumido vagarosamente todo o ideario que chegou coas últimas políticas educacionais e todo iso.

Trátase do asunto de que os nenos/as teñen que facer o que lles gusta , non se lles pode frustrar, cohartar , etc etc, e que se resolven en comportamentos como que se deixa ao rapaz/a que coma só o que prefire, ás horas nas que ten fame, que poña exclusivamente as roupas que tolera e que consiga o que se lle antoxa antes que ter que aturar unha pataleta .

Debe ser a política do laissez faire en agresiva resposta ás extremas educacións autoritarias que asociamos con rechazo ao pasado.

Pero nin tanto nin tan calvo. Non penso que a inflexibilidade sexa un camiño desexable, pero tampouco unha radical liberdade na que non se amose o que está ou non está ben. A clave: unha das principais tarefas dos pais é que os fillos/as aprendan a tolerar a frustración .

Cando medren, o mundo todo nunca poderá bailar ao seu son, e por iso é importante que saiban convivir sanamente coa idea de que non sempre se consigue o que se quere, e que non por iso debemos virnos cara abaixo.

Yolanda Castaño, Diario de Ferrol